Onte estiven en Muros, de regreso de Ciudad Rodrigo.
Segundo a información publicada no libro Actividad Económica Muradana (páxina 92), que foi obtida e corroborada por diversas fontes, tiña a certeza de que os restos mortais de Don Diego de Muros I repousaban na capela maior da catedral de Ciudad Rodrigo (Salamanca).
-
Catedral de Ciudad Rodrigo
Sen embargo, na páxina oficial desta Diocese (http://www.diocesisciudadrodrigo.org/blog3/?page_id=1158), non consta ningún bispo co apelativo Muros. Aparece, iso si, un tal Diego de Moiras, O. Merc. Obispo de Tuy, 1.487-l493, que estou convencido se trata do noso Don Diego, si ben, tanto a denominación (Moiras e non Muros) como o ano do falecemento (1493 en vez de 1492), ao meu xuízo, están incorrectamente reflectidos.
Coa finalidade de elaborar un pequeno artigo e ilustralo con fotografías da tumba do primeiro dos Diegos de Muros, decidín poñerme en contacto coa catedral. Así, o día 5 de outubro de 2016, mandei un e-mail no que escribía: «Buenas tardes. Un grupo de cinco personas tenemos pensado realizar una visita a la Catedral durante el próximo “puente” de Todos los Santos. Nos gustaría saber si se puede visitar la tumba de DON DIEGO DE MUROS I, porque tenemos entendido que se encuentra en la Catedral. Agradeciendo sinceramente su ayuda, les envío un afectuoso saludo, DOMINGO GUERRA».
Pois ben, o día 8 de outubro, recibín contestación da responsable da xestión turística da Catedral, na que me comenta, entre outras cuestións, o seguinte: «Creemos que si está la tumba de Diego de Muros en el Claustro. Pueden venir y visitar el Claustro, junto con el Museo Diocesano y toda la Catedral. Saludos».
A véspera de Todos os Santos (31 de outubro de 2016), chegamos pola mañá cedo a Ciudad Rodrigo os cinco (Sol, Pedro, Marita, a nosa filla Marita e máis eu) e fomos directamente á Catedral. Na zoa de recepción, despois de pagar a entrada, levamos unha agradable sorpresa cando as dúas empregadas do servizo de información nos identificaron polo correo que semanas antes lles enviara. Pero, ao instante, quedamos decepcionados ao escoitar que non nos poderían axudar, porque descoñecían o lugar exacto onde repousaba Don Diego de Muros I.
Decidimos buscar pola nosa conta e conseguimos permiso para facer fotografías no interior do templo. Durante un par de horas, aproximadamente, dedicámonos a escudriñar algún tipo de sinal que nos levara á tumba do prelado muradán. Percorremos todo o santuario, excepto a zoa da capela maior, porque estaba precintada cun cordón vermello, e fixemos fotografías das sepulturas de bispos desa época, verificando que ningunha era a do noso pontífice.
Fotografías de algunas sepulturas do interior da Catedral
Despois, buscamos no claustro, lugar onde nos indicaran que podería estar a tumba. Pero, tampouco tivemos fortuna.
Algunhas tumbas do claustro
Desilusionados, por non localizar o panteón, saímos da catedral e dirixímonos ao edificio de enfronte, onde está o famoso Museo dos orinais. Certamente, como aínda non perdéramos as esperanzas e non queríamos regresar coa incerteza no corpo, preguntámoslle á persoa que estaba en información, si coñecía a alguén que nos puidese axudar. Moi amablemente, ofreceuse para contactar co reitor do Seminario San Cayetano, o Reverendo. Sr. D. Juan Carlos Sánchez Gómez, que neses momentos estaba por alí explicando a uns amigos os pormenores dunha exposición sobre Cervantes (expocervantes lengua del alma), mostra da que era comisario.
Seminario San Cayetano
Aos poucos minutos, o reitor acercouse a nós, presentámonos e explicámoslle o motivo da viaxe. Moi cordialmente nos dixo que tan pronto se despedira dos visitantes intentaría axudarnos. E así foi. Esperamos paseando polas inmediacións e, aos dez minutos, achegouse a nós con dous libros na man. Invitounos a acompañalo ao Seminario e, despois de acomodarnos na sala de profesores, preguntounos si coñecíamos a data do falecemento do noso bispo, para buscar nos libros.
Conteille que, segundo as miñas fontes, Don Diego se atopaba enterrado na capela maior da catedral e que, aínda que no seu epitafio poñía que falecera en 1491, e que segundo a web da diocese o pasamento fora en 1493, tiña datos que acreditaban que morrera en 1492.
Con esa información, buscou nun dos dous libros que portaba: «Episcopologio civitatense: historia de los obispos de Ciudad Rodrigo (1168-2009)», e xa non lle fixo falta utilizar o outro porque, de inmediato, corroborou o que lle dixera, cando se puxo a ler a páxina 144:
«Encontrándose muy enfermo, Diego de Muros dictó testamento el 8 de diciembre de 1492, asistido por Fernán Álvarez de la Reina, médico en Salamanca, y delante de Bartolomé Martín, capellán de la catedral y Pedro de Udeza, en calidad de notarios apostólicos. Actuaron como testigos el canónigo Bartolomé Sánchez y el beneficiado Andrés de Valladolid. El obispo nombraba albacea y heredero universal de todos sus bienes a Pedro Patiño, canónigo en Ciudad Rodrigo.
Diego de Muros debió morir al día siguiente, 9 de diciembre, pues el 23 de enero de 1493 se preconiza desde Roma al maestrescuela de Sigüenza, don Juan de Ortega, como obispo de Ciudad Rodrigo. Fue enterrado en la capilla mayor, al lado de la epístola».
Despois de que o reitor lera en voz alta –con certo entusiasmo–, que Don Diego fora enterrado na capela maior, ao lado da epístola, todos –incluído el– decidimos voltar á catedral.
Polo camiño, Pedro, coa simpatía que o caracteriza, díxome en voz moi baixa: «Domin, menos mal que atopamos iso, porque xa sabes que os de Muros somos moi esaxerados e, ao mellor, Don Diego, en vez de bispo era calquera outra cousa». E os dous botámonos a rir.
Gracias á presenza entre nós do reitor, as facilidades multiplicáronse de forma exponencial. Tanto é así que incluso a responsable turística veu canda nós, e axudounos a levantar unha enorme alfombra vermella, que cubría a parte central da capela maior, onde estaban tapadas tres tumbas de bispos, aínda que ningunha era a de Don Diego.
Con tristura, constatamos unha realidade incuestionable: os restos do noso ilustre bispo Don Diego de Muros I, xa non descansan na capela maior da catedral de Ciudad Rodrigo. Pero estiveron alí. E por alí seguen…