Inicio » OUTROS ARTIGOS SOBRE MUROS » Os Reis Magos en Muros o día 5 de xaneiro de 2022

Os Reis Magos en Muros o día 5 de xaneiro de 2022

Onte estiven en Muros agradecendo persoalmente a Ruca e a Marisa a súa xenerosidade co Rei Baltasar. Porque, como di o refrán: «de ben nacido é ser agradecido».

Pero, obviamente, tamén quero facer extensiva a gratitude ao resto de compoñentes da Asociación Cultural Fouleada, persoas ás que lles debemos un tributo impagable, pola súa desinteresada e imprescindible labor cada 5 de xaneiro.

Este ano, quero lembrar especialmente, polo afecto recibido, a Antía e Manu –por certo, parabéns–, a Marisa e Alex, a Mónica e Ángel, así como a Mercedes e Susana. Ah!, e por suposto tamén ás Súas Maxestades Fran e Sito, xunto aos que Baltasar tanto disfrutou.

Ese é o principal motivo que me obriga a retomar este espazo despois de preto de sete meses sen escribir nel, polo que tamén debo pedir desculpas, sobre todo a aqueles amigos e amigas que me berraron por incumprir o compromiso de publicar un artigo ao mes.

Pois ben, respecto da recepción dos Magos de Oriente, outro ano máis, e xa van dous de forma consecutiva, a nosa Igrexa Parroquial estaba esplendorosa para recibilos. Con todo, polas medidas de precaución propias da pandemia, da numerosa comitiva rexia integrada por infinidade de paxes reais, as Súas Maxestades acordaron que accedesen ao templo tan só Iria, Sofía, Leire, Noa e Sara, por tratarse das axudantes imprescindibles para eles.

Tanto é así que, por exemplo, sen a axuda de Sofía (que tamén colaborou na introdución das cartas no «buzón máxico» instalado na igrexa), o rei Baltasar non sería quen de coñecer aos centos de nenas e nenos que se achegaron para saudalos, porque medraron tanto desde o ano pasado que non lle resultou doado identificar a todos.

Cómpre resaltar que durante todo momento extremáronse as medidas e protocolos de seguridade fronte a Covid-19, incluso cando nenos e maiores recibiron os caramelos ou cando quixeron retratarse con eles.

Unha vez que a intimidade do momento o permitiu, no Portal de Belén da que fora Colexiata, os Reis Magos quixeron obsequiar ao Neno Xesús con ouro (coma rei), incenso (como Deus) e mirra (como home), para a continuación prostrarse ante el amosándolle o seu respecto, tal e como se pode observar nesta fotografía para o recordo.

Por último, Baltasar quixo agradecer en nome dos demais Reis Magos a hospitalidade do noso párroco, Don Daniel, que sempre os trata con tanto afecto.

Amigos, esta é a modesta aportación de Baltasar, feita como agradecemento aos integrantes da Asociación Cultural Fouleada, desexando que o vindeiro ano poidan continuar facendo a mellor Cabalgata de Reis do mundo.

Deixar un comentario