Inicio » OUTROS ARTIGOS SOBRE MUROS » Etapa 16 da «Vuelta ciclista a España» 2020

Etapa 16 da «Vuelta ciclista a España» 2020

Onte estiven en Muros e hoxe xa é oficial. A etapa número dezaseis da Vuelta Ciclista a España sairá de Muros. Si. De Muros.

Singularmente ese día, o martes 1 de setembro de 2020, converterémonos no epicentro dun dos principais acontecementos deportivos a nivel nacional e, sen dúbida, xunto co Tour de Francia e o Giro de Italia, do máis importante do calendario ciclista mundial.

Etapa 16 Vuelta a España

Será a única etapa contrarreloxo individual da 75 edición da carreira. Un privilexio. Un espectáculo que nos permitirá ver, un a un, a todos os ciclistas, aos mellores do panorama internacional. Uns profesionais que, despois dos 32 quilómetros ata o Ézaro, rematarán o esforzo subindo preto de 1,5 quilómetros por pendentes do 30% (cun desnivel medio do 13%) ata o mítico Mirador.

Estaredes de acordo en que debemos utilizar intelixentemente este formidable escaparate promocional. Porque, segundo cálculos da organización, acolleremos a uns tres mil seguidores da «caravana multicolor» na nosa Vila. E seguirán a etapa máis dun millón e medio de espectadores en España e un número incontable de televidentes en 190 países.

Por iso, debemos aproveitar a ocasión para amosar ao mundo a nosa riqueza cultural, etnográfica, patrimonial, paisaxística e, por suposto, deportiva tamén. Trátase dunha oportunidade para poñer en valor os principios sociais que nos caracterizan como pobo, onde a nobreza, lealdade e, sobre todo, humanidade configuran o noso ADN. Atributos que por algo figuran no noso emblema municipal.

E porque dispoñemos dunha posibilidade extraordinaria para namorar ao mundo coas nosas cousas. Para contaxiar a xentes de outros lugares coa variada oferta gastronómica, cos moitos produtos e servizos dos diferentes establecementos comerciais, industriais e pesqueiros, difundindo a excepcional calidade dos peixes e mariscos e promocionando todo o que ten que ver coa nosa ría. E, por suposto, como non, para exhibir tamén a paixón que existe en Muros polo ciclismo.

Seguro que estaremos á altura. Porque temos meses para planificar con eficiencia. Porque se trata dunha desas ocasións que non podemos desaproveitar. Porque afecta non só aos clubes ciclistas de Muros e aos diferentes deportistas da «bici», senón a todos os sectores produtivos, asociativos e institucionais do municipio. De todo o concello.

Pola nosa parte, se a vida o permite, aí estaremos para todo no que boamente poidamos axudar.

Deixar un comentario